Un equipo investigador de Santiago logra frear en ratos tumores de tiroide
Acaban de publicar os resutados da investigación na revista Nature
A comunidade médica internacional observa hoxe un equipo de científicos de Santiago de Compostela. Acaban de descubrir unha técnica de ARN que fai fracasar a división das células canceríxenas e frea os tumores anaplásicos de tiroide.
Os ensaios en ratos demostraron unha eficacia espectacular neste tipo de cancro, que é un dos que ata agora presentaban peor prognóstico.
Na publicación de Nature pode verse un vídeo, unha imaxe real, acelerada. Na esquerda vemos o que pasa cun placebo, como se reproducen rapidamente as células do tumor. E á dereita, os efectos desta nova terapia, que consegue deter a mitose. Literalmente, fai estalar as células do cancro ata matalas, nun proceso que se chama "catástrofe mitótica".
Co lóxico entusiasmo, Clara Álvarez, que dirixe o equipo investigador do CIMUS, explica que replicaron a terapia en ratos, con tumores reais, e demostraron tamén que, ademais de ser efectiva en todas as fases do tumor, non é tóxica, non dana as células sas.
Todo partiu do descubrimento dunha proteína.
"Esta proteína, PIAS2b, estaba diferentemente expresada e nunca se estudara na tiroide. Despois chegou o deseño dun axente terapéutico de RNA. Conseguimos facer nós unha RNA de interferencia, unha estrutura molecular que se pega ao RNA da proteína e o reduce ata que desaparece", explicou Clara Álvarez, catedrática de Fisioloxía da USC e corresponsable deste traballo científico.
O IDIS de Santiago, cirurxiáns, patólogos. É un equipo enorme e os resultados chegan tras quince anos de investigación, dos que agradecen en especial a doazón de tecidos dos pacientes. As doazóns dos pacientes,
"É moi ilusionante porque é un tipo de tumor devastador para o que non temos tratamento, pero tamén porque é un novo enfoque terapéutico, un novo xeito de tratar estes tumores e moi prometedor. Quédanos o salto a humanos, que se implique a industria farmacéutica", di José Manuel Cameselle, patólogo do CHUS e profesor da USC.
"Se se pode intentar, hai unha cousa que temos segura é que temos por fin un punto débil", din estes investigadores: un talón de Aquiles para poder ganar outra batalla contra o cancro.