Comezan as probas diagnósticas aos pacientes seleccionados no cribado de cancro de pulmón
Son máis de 200, pacientes de alto risco, fumadores e exfumadores que serán sometidos a un TAC de baixa radiación
Este é o cuarto programa de prevención posto en marcha polo Sergas
A partir deste sábado, os pacientes seleccionados no cribado piloto de cancro de pulmón do Sergas comezarán coas probas diagnósticas. Son máis de 200 pacientes, todos de alto risco, fumadores e exfumadores con idades comprendidas entre os 55 e os 75 anos que serán sometidos a un TAC de baixa radiación. É o cuarto cribado posto en marcha polo Sergas, tras o do cancro de mama, colon e útero. Programas de prevención aos que se destinaron máis de dous millóns e medio de euros.
"Especialmente relevante por tres razóns, elevada incidencia, elevada morbilidade e mortalidade. Con este programa piloto damos un paso adiante no noso obxectivo de mellorar a saúde dos galegos e galegas e situarnos como líderes en políticas de prevención", explica o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.