Comezan as rutas en barco polo río Miño
Xa comenzaron as rutas gratuítas en barco polo río Miño que van permitir coñecer un pouco mellor os concellos transfronteirizos de Galicia e do norte de Portugal.
Catro municipios, Salvaterra, Monção, Tui e Valença, únense para impulsar un proxectro que combina paseos polo río e rutas guiadas a pé.
O Miño convértese así no eixe integrador destas dúas culturas transfronteirizas.
Observamos a súa beleza dende o embarcadoiro de Tui, utilizámolo para practicar deportes náuticos, cruzámolo en coche ou a pé para visitar o país veciño e unha vez alí, volvemos observar esta fronteira natural que serve para conectar estes dous países. Agora este río Miño convértese nun destino navegable.
Temos dúas rutas ao día: unha ruta pola mañá, que é de día completo, e unha ruta pola tarde, que só consiste en navegación polo río Miño.
Son as palabras de Antonio Fernández, o xerente da empresa na que se poden facer as reservas a través da web. Catro concellos poñen en marcha esta iniciativa de forma gratuíta. As rutas que duren todo o día, comezan cun percorrido a pé polo núcleo histórico. Serán a de Tui-Valeça e a de Salvaterra-Monção.
Xa no peirao flotante dos pescadores agarda o barco que iniciará a ruta navegable río arriba. Unha experiencia inédita que permite coñecer os encantos que agochan estas dúas beiras. Así o conta o patrón da embarcación encargada do paseo, Luís Ulloa.
Un dos nosos emblemas é o Miño, destino navegable. Facemos unha ruta remontando o río e outra baixando. Compartimos un montón de cousas bonitas que temos, as murallas de Valença, a catedral de Tui.
A ruta ten unha hora e media de duración. Un tren turístico agarda no peirao para recoller os visitantes ata Valença, onde volverán percorrer a pé os encantos paisaxísticos, gastronómicos e culturais do país veciño. As reservas poden facerse a través da web e dependerán das condicións de navegabilidade dun río que sempre quixo unir estas eurocidades.