Esta noite é o máximo de actividade das perseidas: non esquezas de mirar ao ceo
Este ano, coa lúa nova tan preto, melloran as condicións para poder velas

Chega a famosa fin de semana das bágoas de San Lourenzo. Esta é a maior chuvia de estrelas fugaces do ano. Aínda que esta fin de semana é o mellor momento para observalas, o fenómeno das perseidas comeza sobre o 17 de xullo e remata arredor do 24 de agosto.
As velocidades destes meteoros poden superar os 50 km/h e chegar aos 150 meteoros cada hora.
As condicións deste ano son moito máis favorables ca as do ano pasado. A noite do 12 para o 13 de agosto, este sábado, prodúcese a tres días da lúa nova, cunha lúa decrecente que facilita a visión do resto do ceo nocturno.
Ademais, hai que buscar un sitio cun ceo escuro e sen nebulosidade. Tamén hai que evitar o uso dos móbiles, pois "os teus ollos precisan adaptarse á escuridade", como recorda a Universidade Internacional de Valencia.
Para os que queiran gozar do fenómeno desde casa, a canle sky-live.tv desprazarase ata Estremadura para retransmitir o máximo das perseidas, ademais de desde os observatorios de Canarias. A retransmisión comezará ás 23:50.