Complicado rescate dun can atrapado entre dúas grandes penas en Chantada
Toby botou 24 horas sen poder saír dunha fenda entre as rocas no Cabo do Mundo
Foi o rescate máis difícil dun animal na historia do parque chantadino de bombeiros
Este é Toby, o can da parroquia chantadina de Nogueira de Miño que permaneceu 24 horas atrapado entre dúas penas de gran tamaño no alto do promontorio coñecido como O Cabo do Mundo.
Para rescatalo a 14 metros de profundidade, os bombeiros de Chantada tiveron que recorrer a uns coxíns pneumáticos que foron abrindo a fenda entre as rocas ata chegar onda o animal.
Jesús Fernández, cabo dos bombeiros de Chantada: "Os coxíns moven ata 70 toneladas. Fómolos metendo na fenda que había, iámolos inflando e sobre iso iamos apuntalando".
Nieves Rigueiro, dona do can: "Era un acceso moi mal para quitalo. Eles traballaron coma campións".
En total, levou 13 horas, ao longo de dúas xornadas, rescatar a Toby. Nos traballos participaron unha quincena de persoas, entre efectivos da Policía Local, de Medio Rural e dos bombeiros.
De feito, foi o rescate dun animal máis difícil nos doce anos de historia do parque comarcal de Chantada.
Jesús Fernández, cabo dos bombeiros de Chantada: "O sábado intentárono con outros medios, mesmo cun martelo picador, ata que ao día seguinte xa se valorou usar os coxíns, que tampouco tiñamos claro que fosen suficientes. Por forte, serviron e démolo sacado".
José Manuel López, dono do can: "Aquilo era case imposible. A verdade é que fixeron un gran traballo. A verdade é que non se esperaba que fose un rescate tan feliz como finalmente foi".
Tras dáreno os seus donos por perdido, grazas ao labor dos servizos de emerxencias Toby volveu nacer.