Condena de 22 anos de cárcere para José Eirín polo asasinato de Jessica Méndez
O tribunal tivo en conta a circunstancia agravante de cometer o delito por razóns de xénero
Non poderá aproximarse a menos de 500 metros dos familiares e da que era parella sentimental da vítima nin comunicarse con eles durante 32 anos

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, dacordo co veredicto de culpabilidade do Tribunal do Xurado, condenou a 22 anos de cárcere a José Eirín polo asasinato de Jessica Méndez, acontecido en Barro cando o procesado impactou co seu vehículo contra o da nova.
O tribunal tivo en conta a circunstancia agravante de cometer o delito por razóns de xénero. Ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros dos familiares e da que era parella sentimental da vítima, así como do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro no que se atopen, e de comunicarse con eles por calquera medio durante 32 anos.
O Tribunal considerou probado que sobre o 17 de marzo de 2022, na estrada N-550, á altura de Barro, o acusado dirixiu "intencionadamente" o vehículo que conducía contra o dela, que se atopaba parado para incorporarse á N-550 desde unha estrada secundaria.