Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 11 anos e 3 meses de prisión por abusar de tres familiares, dúas delas menores de idade

Condenado a 11 anos e 3 meses de prisión por abusar de tres familiares, dúas delas menores de idade

A vítima maior de idade é prima segunda do acusado, mentres que as menores son as netas da súa parella

As tres vítimas chegaron a convivir nalgún momento co acusado, sufrindo reiteradamente os seus abusos sexuais

Imaxe de arquivo / EP Imaxe de arquivo / EP
G24.gal 19/12/2024 10:49

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela, condenou a once anos e tres meses de cárcere un home por abusar sexualmente dunha prima segunda e das netas menores de idade da súa parella.

As menores, nadas en 2007 e 2012 respectivamente, acudían frecuentemente á vivenda da súa avoa, chegando incluso a convivir con ela e co procesado. Os feitos tiveron lugar entre 2016 e 2019.

"Durante os anos en que se desenvolveu esta situación, mantiñan co acusado unha relación de confianza e afecto, sendo para elas unha figura similar á dun avó", sinalan os xuíces, quen afirman que, nunha ocasión, cando se atopaba cunha delas na vivenda, explicoulle aspectos da reprodución sexual e preguntoulle se quería probar o que lle dicía.

Segundo explica a Sala no ditame, a menor respondeu que non quería e o acusado procedeu a baixarlle o pantalón e colocar os seus xenitais contra a zona lumbar da nena, quen marchou do cuarto nerviosa coa escusa de falar coa súa avoa.

Noutra ocasión, o procesado introduciu as mans debaixo da roupa da menor, baixoulle o pantalón e tocoulle o peito, o cu e a zona xenital. Segundo consta probado na sentenza, o home fixo o mesmo noutro momento coa irmá, tamén menor. Por mor de vivir estas experiencias de abuso sexual, ambas menores padecen sintomatoloxías que precisan dun tratamento psicoterapéutico.

O tribunal considerou o acusado autor de ambos delitos de abuso sexual, sendo un deles continuado, en relación ao artigo 183.1 e 4d do Código Penal na redacción vixente no momento dos feitos.

En ambos casos tívose en consideración a concorrencia da atenuante de dilacións indebidas. Ademais da pena de prisión, o acusado deberá indemnizar con 10.000 euros a unha das menores e con 30.000 a súa irmá.

A terceira vítima, maior de idade

A terceira vítima naceu en 1995 e é prima segunda do acusado. Entre xaneiro e agosto de 2017, ela desprazouse da súa residencia familiar cara a Santiago, co obxectivo de atopar traballo na zona e residiu durante esa tempada no domicilio do acusado e da súa parella. 

Nunha ocasión en que o procesado e a vítima estaban sós, el púxolle a man na zona das xenitais. Cesou a actividade só cando a súa prima se opuxo. Noutro momento, cando ela estaba deitada no seu cuarto, o acusado entrou espido na cama con ela e só marchou cando ela llo pediu.

Os xuíces indican que, noutra ocasión, baixou os pantalóns e os calzóns e mostroulle o pene. Como resultado de todos estes feitos, a vítima necesitou tratamento psiquiátrico, psicolóxico e farmacolóxico.

"Os actos son claramente inconsentidos e rexeitados pola vítima e aptos para vulnerar a liberdade sexual. Foron realizados con vontade sexual, evidenciada non só polo seu contido obxectivo (tocamento na zona xenital), apto para vulnerar os bens xurídicos protexidos, senón tamén polas manifestacións de contido sexual coas que o acusado tratou de disfrazalas para convencer á vítima para que se encartase ás súas intencións", explican os xuíces na resolución.

Por estes feitos, consideran o acusado autor dun delito de abuso sexual, coa concorrencia da circunstancia agravante de abuso de confianza e da atenuante de dilacións indebidas. Ademais de dous anos de cárcere, impuxéronlle o pago dunha indemnización á vítima de 15.000 euros.

A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade