Coñecernos por dentro grazas á ilustración anatómica
Un cirurxián torácico e un profesor de Anatomía relatan e debuxan a evolución do corpo humano
A ilustración anatómica ten aplicación na docencia da medicina, na investigación científica e tamén nas consultas médicas
Coñecer a nosa anatomía a través da ilustración é un recurso habitual nas aulas de medicina pero debería selo tamén para a coñecemento xeral. Foi o que pensaron un profesor de Anatomía xunto co seu alumno, que é xa cirurxián torácico, cando decidiron publicar: Tu primer pasado. De célula a humano.
Se unha imaxe vale máis ca mil palabras, en anatomía un bo debuxo ten aínda máis valor: artístico, memorístico e para o coñecemento. Así se recoñece desde a docencia, tamén na investigación científica e incluso cos pacientes nunha consulta.
"Tradicionalmente sempre empregamos aqueles atlas que estaban debuxados máis ca fotografados e impresionoume sempre que os debuxantes o que facían era algo que non se pode facer nunha fotografía, que era resaltar os datos máis relevantes dunha imaxe", explica Juan Suárez Quintanilla, profesor de Anatomía na USC e escritor do libro.
"Eu cando empecei a explorar eses atlas anatómicos cos que estudamos en Medicina, parecéronme verdadeiras obras de arte. Case me podía achegar á pincelada e a min iso provocoume unha inspiración tremenda", recorda Alejandro García-Pérez, cirurxián torácico e ilustrador do libro.
O primeiro proxecto conxunto foi un libro académico feito polo alumnado para a propia materia, con contido gráfico e textual onde estudaban a partir dos debuxos dos compañeiros. O segundo, o que acaban de publicar.
"Empezamos a traballar xuntos, facendo ilustracións, achegado cada un a súa parte para cada capítulo e para que se entendese mellor o que intentamos explicar. Estamos moi contentos porque é un proxecto bonito entre alumno e profesor", Asegura García-Pérez.
"É un libro que basicamente explica como a partir dunha soa célula podemos orixinar todo o corpo cas incribles órganos e sistemas que ten. Ademais é un libro transversal, que foi o que máis nos custou. Un libro que non vai dirixido á xente das ciencias da saúde senón a todo o público xeral", destaca Suárez Quintanilla.
Entre os dous conseguiron contar de maneira sinxela algo tan complexo como o funcionamento do corpo humano e ademais ilustralo.