Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conta atrás para o Xacobeo 2027: cen días para converter Galicia nunha "gran festa"

Conta atrás para o Xacobeo 2027: cen días para converter Galicia nunha "gran festa"

Un cronómetro situado na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago irá marcando os días que restan ata comezar o próximo ano santo

Cronómetro dos días que restan para comezar o ano santo (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 22/09/2026 12:13 Última actualización 22/09/2026 14:07

A Xunta activou este martes a conta atrás para a celebración dun novo Xacobeo, o de 2027, que novamente será ano santo por coincidir en domingo o 25 de xullo, día de Santiago Apóstolo.

Con este motivo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo deán da Catedral, Manuel Jesús Formoso, e polo comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou na instalación dun cronómetro que marcará os días que faltan ata 2027 e que se sitúa na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago.

Rueda activou o marcador en que se pode comprobar que faltan cen días para a data, unha cifra que irá minguando xornada a xornada ata o 31 de decembro, cando a pantalla deixará de marcar días e irá descontando horas, minutos e segundos.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, lembrou que no que vai de ano chegaron ata a capital galega 454.000 peregrinos (aqueles que recollen a credencial), que indica "o tirón" desta actividade, que segue xerando "moitas expectativas", sinalou.

Gómez Román explicou que durante este ano presentáronse ata setecentos proxectos que poderán ser desenvolvidos o próximo Xacobeo, o que supón un grande "aperitivo" de todo o que está por vir.

O comisario deste macroevento cultural e de índole relixiosa desvelou que esta semana a Xunta presentará unha campaña de promoción de Galicia que terá no Xacobeo un dos seus centros de referencia, xa que o obxectivo é converter á comunidade nunha "gran festa" o próximo ano e "á que están todos invitados", remarcou.

"Queda moito traballo nestes cen días para lograr un Xacobeo Galicia Calidade. O Xacobeo ponse a cen", concluíu.

Durante o acto tamén interveu o deán da Catedral, Manuel Jesús Formoso, que lembrou que en 2027 "o mundo enteiro volverá mirar a Galicia, a Santiago e á praza do Obradoiro como meta do corazón de millóns de esperanzas".

Formoso animou a abrir o corazón ás miles de persoas que "xa están a facer as súas mochilas para facer esta cidade aínda máis universal", un motivo para sentirse "orgullosos de ser os anfitrións desta milenaria corrente de vida".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade