Publicador de contidos

Publicador de contidos

Debuxa a veciñanza para reivindicar que Compostela é tamén a súa xente

Debuxa a veciñanza para reivindicar que Compostela é tamén a súa xente

"A cidade sen xente non ten sentido ningún. É, pois, unha homenaxe a toda esa xente que vexo a diario pola rúa", di Sandra Romero

Sandra Romero debuxando este martes na terraza do hotel Costa Vella, en Santiago
G24.gal 13/04/2023 14:49

Sandra Romero debuxábao todo desde cativa. Logo estudou ilustración, pero a vida foina levando polo camiño laboral da radio e de guía turística ata que hai uns poucos anos esta compostelá reactivou a súa faceta artística. E fíxoo para reflectir a veciñanza de Compostela:

"Debuxar a xente de Santiago saíu un pouco de retomar ese hábito de debuxar. Tamén é como unha homenaxe á xente de Compostela. Eu son veciña da zona histórica de Santiago e, ao mesmo tempo, paréceme unha maneira de reivindicar que siga habendo locais e xente de Santiago na zona vella, porque a cidade sen xente non ten sentido ningún. É, pois, unha homenaxe a toda esa xente que vexo a diario pola rúa", explica Sandra.

A maior parte das veces captura a imaxe que lle interesa coa cámara para o debuxo posterior e, segundo conta, no seu obxectivo non busca un perfil concreto: "É algo totalmente aleatorio. Alguén que me chame a atención polo que sexa. Hai tempo debuxei un señor que leva un gato no ombreiro". 

"Compostela é a xente" é a lenda do proxecto desta compostelá. Os debuxos exhíbeos en Instagram no espazo baixo ese nome. Non persegue a interacción coa persoa retratada, pero si que amosa satisfacción porque recibe moitos comentarios de terceiros pola súa obra como ilustradora da sociedade compostelá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade