Desarticulada unha rede que introduciu 350 quilos de cocaína en caixas de froita polo porto de Vigo
A investigación rematou con oito detidos e estivo dirixida pola Audiencia Nacional e a Fiscalía Especial Antidroga

A Garda Civil desarticulou unha organización criminal que introducira en España uns 350 quilos de cocaína ocultos entre contedores de froitas a través do porto de Vigo, procedentes de Sudamérica e con destino ao porto de Sevilla.
En concreto, o cargamento, que eran bolsas de iuca trituradas e conxeladas, procedía de Costa Rica e escondía no seu interior cocaína en po.
A investigación, que rematou con oito detidos, foi levada a cabo grazas a informacións da Unidade Central Operativa (UCO) e, con ela descubriuse que a organización tiña unha estrutura empresarial de aparencia legal para ocultar a droga, que logo transportaba ata Barcelona, dende onde realizaba a súa posterior distribución.
O material comisado entrou en Europa polo porto de Vigo, para logo transitar ata Setúbal (Portugal) e, unha vez alí, foi transportado ata Sevilla por vía terrestre.
A investigación, denominada Calypso-Guanacaste, estivo dirixida pola Audiencia Nacional e a Fiscalía Especial Antidroga, e contou coa participación da Policía Xudiciaria Portuguesa.