Galicia viviu a noite máis xélida dende que comezou o ano
O aviso amarelo por frío mantívose activado ata o mediodía na comunidade
Sarria, Calvos de Randín ou Baltar rexistraron as temperaturas máis baixas
Practicamente toda Galicia amenceu xeada tras pasar a noite máis fría do que levamos de ano. Os termómetros caeron por debaixo dos 0 graos en moitos puntos das catro provincias. Pero o peor viviuse nas de Lugo e Ourense.
En Calvos de Randín, Sarria, A Mezquita ou Baltar baixaron dos menos cinco graos. Ás doce do mediodía levantábase o aviso amarelo activado por temperaturas mínimas.
En Lugo capital rexistráronse menos catro con cinco graos, menos catro graos no Valadouro e en Ordes, menos tres en Cotaobade e Abegondo e menos dous graos en Foz.
As provincias da Coruña, Lugo e Ourense estiveron en aviso polas baixas temperaturas ata o mediodía. En Sarria, os menos cinco graos rexistráronse preto das nove da mañá.
Segundo medraba o día, notábase a influencia anticiclónica en toda a comunidade, ceo sen nubes ou pouco nubrados que deixaban pasar as primeiras raiolas de sol.
Segundo Meteogalicia, a friaxe desta fin de semana débese a que Galicia está na zona intermedia entre un anticiclón ao sur de Irlanda e a borrasca Juan centrada en Portugal, que se vai movendo cara ao centro peninsular.