Desmantelan un punto negro de venda de droga no centro de Pontevedra
Detido un mozo tras a alarma de veciños e comerciantes da zona por continuos movementos de xente nun domicilio da rúa Lepanto

Un dispositivo conxunto da Policía Local e Nacional de Pontevedra culminou coa detención dun individuo por supostamente dedicarse á venda de drogas polo miúdo no seu domicilio da rúa Lepanto, no centro de Pontevedra.
Foron os veciños e os comerciantes da zona quen alertaron as forzas de seguridade tras constatar un continuo ir e vir de xente nunha vivenda.
Policía Local e Nacional montaron un dispositivo conxunto de vixilancia, que culminou coa detención dun individuo tras rexistrar o seu domicilio nesta rúa e tamén o seu negocio, unha barbería situada noutra rúa próxima.
Á espera de que pase a disposición xudicial, podería ser imputado por un delito contra a saúde pública.