Deteñen un home en Madrid por drogar menores para agredilas sexualmente na súa casa
No rexistro do seu domicilio localizouse numerosa roupa interior de nena e de adolescente, amais de estupefacientes de distintos tipos

Axentes da Policía Nacional detiveron un home por subministrar droga a menores e agredilas sexualmente no seu domicilio, situado no distrito madrileño de Fuencarral, no que gardaba numerosas pezas de roupa interior de nena.
A investigación iniciouse a finais do pasado mes de xuño por mor da denuncia dunha menor que manifestou que existía unha vivenda onde un home podería estar a vender droga e que, ademais, era frecuentada por mozos menores de idade.
Tras as pescudas os axentes puideron confirmar que o domicilio era un punto de venda de droga dirixido a un público moi novo, na maioría das ocasións menores.
Ademais, tamén puideron localizar unha vítima, unha nena á que ofrecera droga na súa casa para despois, estando ambos en roupa interior, bicala sen o seu consentimento ata que a menor logrou fuxir da vivenda.
No rexistro realizado no domicilio localizouse numerosa roupa interior de nena e de adolescente, máis de 50 gramos de haxix, 100 pastillas de ansiolíticos, marihuana e cinco básculas de precisión, así como documentación e material informático.
O home foi detido como presunto responsable dun delito de agresión sexual e outro contra a saúde pública e pasou a disposición xudicial.