Deteñen un home en Vigo como suposto autor dunha agresión sexual nun aparcadoiro
Unha amiga da vítima foi a que alertou as forzas de seguridade
O arrestado negou a agresión e asegurou que as relacións sexuais foron consentidas
A Policía Local de Vigo detivo nas últimas horas un home por unha suposta agresión sexual a unha muller nun aparcadoiro da cidade.
Sucedeu este xoves sobre as 8 da tarde. Segundo fontes policiais, os feitos tiveron lugar nos sotos dun aparcamento situado xunto aos antigos xulgados da rúa Lalín. Foi unha amiga da vítima a que alertou as forzas de seguridade despois de que a muller lle contara o que lle acababa de ocorrer.
O home investigado e a victima son novas, pero maiores de idade, ao redor dos 20 anos. Os feitos que se investigan producíronse no interior do aparcamento, pero fóra dos vehículos. O establecemento dispón de cámaras de seguridade cuxas imaxes poderían ser determinantes na investigación.
A Policía Local de Vigo acudiu ao lugar para atender a agredida e tamén para recoller testemuñas e buscar o presunto agresor, que marchara do lugar. Pouco despois era arrestado.
Na súa declaración o home negou que atacase sexualmente a muller e insistiu en que mantivo relacións con ela de forma consentida. Posteriormente foi trasladado á comisaría da Policía Nacional de Vigo, onde pasou a noite, pendente do paso a disposición xudicial.
Mentres, a vítima foi examinada no Hospital Álvaro Cunqueiro conforme o protocolo que existe para este tipo de delitos.