Detidos dous homes acusados de posuír dous 'narcopisos' no barrio do Calvario, en Vigo
Comisáronse obxectos como básculas de precisión, estupefacientes, fornelos, sopretes e 1.500 euros en efectivo, entre outros
Axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO III) da Comisaría da Policía Nacional de Vigo detiveron a dous homes por tráfico de drogas e por posuír dous 'narcopisos' no barrio vigués do Calvario.
A investigación comezou aproximadamente hai tres meses. Segundo explica a Policía, todo comezou cunhas queixas da veciñanza que levaron a determinar a existencia de dous pisos nos que se elaboraban e vendían substancias estupefacientes, como heroína, cocaína ou haxix. As drogas eran vendidas nas proximidades dos propios domicilios.
"Sinto alegría porque se desactivara todo e atoparan algo. Levamos moitos anos loitando con isto, o movemento de xente é constante e con pelexas. Nunca atoparan nada, a ver se agora por fin o tema se soluciona".
"Eu teño o interfono desconectado desde hai tempo, chamaban a todas horas durante a madrugada. É constante o trasfego de xente no portal, xente durmida nas escaleiras, e teñen cagado e mexado dentro", din dúas veciñas do narcopiso da rúa Numancia.
Ao entrar nas vivendas e deter aos dous individuos, a Policía incautouse no primeiro piso de obxectos como básculas de precisión, fornelos, moldes para cociñar a droga, sopretes, amoníaco, unha caixa forte, unha pistola de aire comprimido, e once blísteres de medicación para a súa venda, entre outros efectos.
Na segunda vivenda confiscaron unha báscula dixital, doce pastillas para a súa venda, once gramos de cocaína cociñada, moldes para cociñar a droga e amoníaco.
Así mesmo, entre os dous rexistros incautáronse de máis de 1.500 euros en efectivo. Durante a investigación tamén se requisaron estupafacientes en distintas cantidade aos compradores, como heroína, cocaína cociñada, cocaína base ou haxix.