Detidos por ameazar unha menor de Vilalba para que non prestase declaración
Trátase dun conflito entre clans iniciado en setembro co intento de secuestro dunha rapaza de 15 anos
A Garda Civil prendeu outras dúas persoas máis en relación co intento de secuestro dunha menor, o pasado mes de setembro en Vilalba, para sometela a un matrimonio forzoso.
Trátase de dous veciños de Rábade, de 57 e de 59 anos, detidos como presuntos autores dos delitos de ameazas, lesións e obstrución á xustiza. Supostamente, presentáronse nunha vivenda da capital chairega co obxectivo de ameazar a residente para que non declarase contra eles.
Unha vez alertados os axentes, prenderon os presuntos autores dos feitos o mesmo día que ambos estaban citados nestes xulgados vilalbeses e xa pasaron a disposición da xustiza.
O conflito previo entre dous clans sobre o que ían prestar declaración os detidos e mais a vítima comezara co intento de secuestro nas inmediacións do campo da feira de Vilalba e continuara, o mesmo mes de setembro, cunha persecución rexistrada no polígono monfortino do Reboredo.
Polo rapto frustrado da rapaza, a Garda Civil prendera tres persoas como supostas autoras dun delito de detención ilegal.
A estes hai que sumar outros dous detidos máis polos feitos rexistrados en Monforte, que ingresaran en prisión polos delitos de homicidio en grao de tentativa e lesións, á parte doutras dúas persoas que se encontran en busca e captura.