En liberdade os dous mozos de 24 anos acusados de agredir sexualmente unha menor en Lugo
Como medidas cautelares deberán comparecer perante o xulgado cada 15 días e non poderán achegarse á menor a menos de 200 metros nin comunicarse con ela de ningunha forma
A Fiscalía non solicitou para eles pena de prisión

Os dous mozos de 24 anos acusados de agredir sexualmente unha menor a noite de fin de ano en Lugo quedaron este venres en liberdade despois de comparecer ante a maxistrada do Xulgado de Instrución número 3.
Ambos están investigados por un delito de agresión sexual e a xuíza impúxolle como medidas cautelares comparecer perante o xulgado cada 15 días e ditou unha orde de afastamento pola que non poderán achegarse á menor a menos de 200 metros nin comunicarse con ela de ningunha forma. A fiscal non solicitou para eles pena de prisión.
A denunciante é unha moza de 16 anos que estaba a celebrar o Aninovo na zona centro de Lugo cando, segundo asegurou, varios homes rodeárona á saída dun local e que dous deles, os detidos, lle fixeron tocamentos.
A moza foi auxiliada despois polo seu mozo, quen foi o que fixo a denuncia ante axentes da Policía Local que estaban de patrulla. Nas proximidades do lugar detiveron un dos dous homes e posteriormente detiveron o segundo.