Publicador de contidos

Publicador de contidos

Entra en vigor o novo sistema de clasificación por idades dos contidos audiovisuais

Entra en vigor o novo sistema de clasificación por idades dos contidos audiovisuais

A nova regulación non só afectará á televisión convencional, senón tamén aos servizos baixo demanda e aos creadores de contido con máis audiencia

(TVG)
G24.gal 09/09/2026 16:02 Última actualización 10/09/2026 09:06

Uns segundos cun son moi característico bastaban para que toda unha xeración soubese que o que viña a continuación non era apto para todos os públicos. Eran os dous rombos. Forma xa parte da memoria da televisión, e a partir deste xoves entra en vigor un novo sistema de clasificación dos contidos audiovisuais para protexer os menores.

Foi a mediados dos anos 80 cando o código de rombos desapareceu das pantallas. Co paso do tempo usáronse outros sistemas de clasificación dos contidos para protexer os menores, como a recomendación de idade.

Unificar os criterios de clasificación por idade e incluír obrigatoriamente os motivos, de xeito claro, é unha das novidades do novo sistema que entre vigor este xoves.

Como é o novo sistema de clasificación por idades

A nova regulación, que entra en vigor este xoves, tras a súa publicación no Boletín oficial do Estado (BOE), é froito do acordo entre a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública e os principais axentes do sector audiovisual.

Establece un modelo homoxéneo de clasificación por idades e descritores de contido, aplicable á televisión, servizos baixo demanda e influencers que teñan a condición de usuarios de especial relevancia (UER), que permitirá aos espectadores tomar decisións máis informadas e facilitará o uso de ferramentas de control parental.

O novo sistema incorpora un novo Código de Conduta para a cualificación dos programas e contidos audiovisuais.

O código mantén a gradación por idades aprobada a partir do anterior Código de Autorregulación (TP, +7, +12, +16, +18, X), e establece ademais un sistema de descritores (sexo, violencia, condutas reprochables, adiccións, linguaxe inadecuada).

Os prestadores do servizo de comunicación audiovisual están obrigados a facilitar información suficiente aos espectadores e dispoñer dunha cualificación por idades visible en pantalla mediante indicativo visual e facilmente comprensible polos espectadores.

Se conteñen escenas de violencia gratuíta ou pornografía non poden ser emitidos en aberto, e no caso das plataformas baixo demanda deben ofrecerse en catálogos separados do resto de programas.

Ademais, os programas que non conteñan eses contidos de pornografía ou violencia extrema pero deban considerarse polo seu contido para maiores de 18 anos só poden emitirse entre as 22:00 e as 06:00 horas.

Coa entrada en vigor do acordo, calquera persoa que observe falta de cualificación nos programas e contidos, ou unha cualificación inadecuada, poderá presentar reclamación por incumprimento do Código de Conduta.

O obxectivo, evitar que os menores poidan acceder a un contido prexudicial para o seu desenvolvemento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade