Estantes baleiros nos supermercados polo paro do transporte
Falta principalmente leite, aceite, pastas, fariñas e outros derivados de cereais
Nas prazas de abastos non hai moitos peixes e algunhas froitas e hortalizas que veñen do sur de España
Difícil mercar este sábado macarróns ou fideos nalgúns supermercados. Os das pastas, as fariñas e outros derivados do trigo son os estantes máis baleiros.
Nos supermercados que visitamos tampouco había aceite de xirasol, que comezou xa a escasear coa guerra de Ucraína, agora co paro do trasporte faltan tamén algunhas marcas de aceite de oliva. O leite é tamén o máis buscado, só quedan algunhas marcas.
E moita xente marchou este sábado para a casa sen o peixe que quería. Faltaba sobre todo peixe azul, xarda e xouba. E o peixe que si chegou hoxe á praza de abastos de Ourense, en moi pouca cantidade e máis caro.
Tamén están perdendo de vender este día de san Xosé as froiterías. Din que non lles chegou tomate, espárrago e outras froitas e verduras que veñen do sur de España. Tampouco atopamos algunhas carnes como polo ou coello.
Con todo, pídenlle á xente que non deixen de vir mercar que de momento, algo, vai habendo para levar. Temen que o desabastecemento aumente a partir da próxima semana.