Eternamente... querido Pablo
Deixou gravado un disco póstumo en colaboración con artistas como Alejandro Sanz ou Juanes
'Yolanda' é unha das cancións de amor máis fermosas de todos os tempos composta para a súa parella daquela e coa que se namoraron miles de persoas no mundo.
É a máis coñecida, pero non a única balada de amor imperecedoira do seu autor, o cubano Pablo Milanés, cofundador do movemento da Nova Trova Cubana nos anos setenta do século pasado.
O amor primeiro e a saúde, despois, establecérono en Galicia nos últimos anos, onde se sentiu como un máis en Mazaricos, sobre todo, e onde lle agromou un amor incondicional pola cultura galega.
Os seus temas forman parte da banda sonora vital de varias xeracións en Cuba e en España, máis agora que xa non está. Faleceu a noite do martes en Madrid aos 79 anos.
A capela ardente congregou artistas e incondicionais marcados pola súa música e a súa personalidade.
A foto do tranquilo sorriso do finado agardábaos no interior canda a súa inseparable guitarra.