Evacúan en helicóptero un veciño de Rois tras caerlle enriba un portal de ferro

Un home precisou a evacuación no helicóptero medicalizado con base en Santiago ao caerlle enriba un portal de ferro. O suceso ocorreu preto das 11:20 horas deste domingo no lugar de Duei, na parroquia de Augasantas, en Rois.
Foron os profesionais sanitarios os que chamaron ao 112 Galicia para solicitar a mobilización dunha das súas aeronaves ata o lugar dos feitos. Durante a comunicación cos xestores do 112 indicaban a posibilidade de que o ferido estivera atrapado.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, 112 Galicia solicitouse a colaboración dos Bombeiros de Boiro e dos membros do GES de Padrón. Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron ao 112 que o home non estaba atrapado pero non era quen de moverse tras recibir o golpe.
Deste xeito, procederon a asegurar a estrutura para poder evacuar ao ferido con seguridade ata o punto no que aterrou o helicóptero. Finalmente, o home foi trasladado na aeronave ata o centro hospitalario de referencia.
Ata o lugar tamén acudiron os axentes da Garda Civil e efectivos de Protección Civil da localidade.