Éxito das catas de produtos galegos no XXXVII Salón Gourmets en Madrid
Notan maior afluencia de profesionais da gastronomía ca noutras edicións
Lousa e ondas do mar acubillan as firmas galegas no Salón Gourmets, que leva 37 anos mostrándolle ao mundo o mellor da gastronomía da península. Canto a Galicia, polo que máis preguntan é polas conservas e polas catas de comida.
Comprobámolo na de carne galega: nin un sitio baleiro.
Os expositores notan a visita de máis profesionais ca en edicións anteriores, gastrónomos que perciben as diferenzas sutís dos produtos galegos. Pasa co viño e tamén co mel.
E son profesionais que aman as innovacións respectuosas co produto, como pasa coa conserva galega, do mar e tamén da terra, como as castañas.
A satisfacción seica está a ser mutua e tradúcese, din, en moito negocio, polo que as 200 empresas presentes están en xeral moi contentas. E aínda quedan dous días de feira.