Falece un home de 89 anos cando cruzaba un paso de peóns en Carballo
Aínda que se están investigando as causas, a mala visibilidade e un descoido do condutor do vehículo son as hipóteses que se barallan
Un home de 89 anos faleceu tras ser atropelado na rúa Perú, en Carballo. Do suceso, o servizo de emerxencias 112 tivo constancia sobre as sete menos cinco da tarde. En concreto alertábase do atropelo dun home nunha zona con paso de peóns, á altura do centro comercial Bergantiños.
Pasaban das sete da tarde, xa de noite, cando veciños da zona escoitaron o forte golpe. Explica un veciño, un dos primeiros en socorrer á vítima, que o home de 89 anos presentaba feridas graves e un forte traumatismo na cabeza.
Nese momento, alertábase de que parecía ser grave e, tras unha primeira asistencia no lugar, o home foi trasladado a un centro hospitalario.
Antes de ser trasladado ao CHUAC ía consciente. Con todo, nada puideron facer por salvarlle a vida. A vítima era moi coñecido na localidade e vivía a escasos metros de onde foi atropelado.
O condutor saíu ileso e parece que o exceso de velocidade non foi a causa do accidente, pero si puido ser importante a falta de visibilidade. Con todo a investigación das causas segue aberta.