Ferida unha muller ao quedar co coche colgando dun muro en Vilanova de Arousa
Ocorreu na coñecida como rotonda de Baión, un punto negro segundo a veciñanza
Unha muller quedou ferida nun accidente de coche rexistrado pouco despois das sete da mañá no concello de Vilanova de Arousa.
Por causas que está a investigar un equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico, a condutora foise fóra da vía na coñecida como rotonda de Baión, cruzou un xardín e quedou pendurada dun muro.
"Estabamos durmindo e escoitamos un estrondo, un batacazo, saímos á porta e como esta rotonda está escura, vimos que tiraran o muro pero non viamos o coche ata que a miña muller se decatou de que estaba colgado por fóra, na leira do lado", asegura Eduardo Oubel, que vive na casa.
Eduardo foi o primeiro en socorrer a accidentada ata que chegou a ambulancia para trasladala ao hospital do Salnés.
"Ela abriu a porta para o lado, vin que o coche non se movía, saltou do coche e esperamos aquí a que chegara unha ambulancia. Puxéronlle uns colariños e estiveron falando con ela".
A veciñanza considera moi perigosa esta estrada. Din que non hai iluminación nin beirarrúas e que todos os meses hai varios sinistros de tráfico. Precisamente estes días cúmprense seis anos doutro moi semellante.
"É a casiña das desgrazas porque non hai máis ca accidentes nesta zona (...). En vez de ser neste lado foi no outro do xardín. Tirou unha rapaza que estaba facendo o ceda ao paso, veu un de arriba, da mesma zona, e tirou a rapaza polo portal para dentro e el meteuse co coche no xardín. Esta rotonda éche así", relata Antón Airas, veciño do lugar.
"Quero denunciar a auga que me vén toda para dentro do terreo e anégame as froiteiras, as patacas, os tomates. Aquí ten habido un montón de accidentes. Teño un neno pequeno que vai á casa dos avós, a meu sogro fáltalle unha perna e lévoo en cadeira de rodas por aquí e os camións pasan pegados e téñolles pánico", engade o mesmo veciño.