Ferido de gravidade un neno de nove anos que foi alcanzado por un raio na praia de Valdoviño
O neno estaba a pasear quedou inconsciente tras alcanzalo un raio na praia de Vilarrube contra as 12 do mediodía
A súa nai e unha enfermeira que estaba na praia comezaron a reanimación antes de que chegase o dispositivo de emerxencias
O neno foi trasladado nunha ambulancia medicalizada ao hospital Arquitecto Marcide de Ferrol
O neno de nove estaba a pasear pola praia de Vilarrube cando de repente foi alcanzado por un raio. Era arredor do mediodía e non había tormenta que fixese sospeitar que un accidente así puidese acontecer.
Ao momento de ser alcanzado o neno quedou inconsciente. Foi a súa propia nai e unha enfermeira que se atopaba na praia as que comezaron a practicarlle exercicios de reanimación mentres non chegaban os equipos de emerxencias. Despois seguiu reanimando o cativo a Policía Local de Valdoviño con desfibrilador automático en canto chegaron.
Pouco despois chegou unha primeira ambulancia con persoal sanitario que seguiu atendendo o neno e axiña chegou outra ambulancia medicalizada e tamén un helicóptero medicalizado que o 061 desprazou desde Ourense, onde ten a base.
O neno foi trasladado finalmente estable e con pulso ao hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, segundo informa o 112. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, que participou no dispositivo, sinalaba que afortunadamente "temos a sorte de dicir que se foi reanimado e puido ser trasladado ao hospital".
Ata o lugar tamén se desprazou a Garda Civil e alertouse a Protección Civil por se fose necesaria a súa actuación.