Ferido grave tras ser atropelado cando facía deporte na A-52 en Ribadavia
Ía correndo pola beiravía da calzada, en sentido contrario á marcha dos vehículos
O peón foi trasladado ao hospital de Ourense (CHUO) en estado grave pero sen risco vital

Un home de 29 anos veciño de Redondela quedou ferido grave tras ser atropelado cando facía deporte na autovía A-52, á altura de Ribadavia en Ourense.
Segundo explica a Garda Civil, o atropelo produciuse este sábado pola noite, cando un vehículo de matrícula francesa atropelou o peón no quilómetro 249 da calzada, no termo municipal de Ribadavia. O peón foi trasladado en ambulancia ao hospital de Ourense (CHUO) en estado grave pero sen risco vital.
De acordo co aviso que recibiu o instituto armado, a persoa atropelada estaba facendo deporte pola autovía á altura da gasolineira de Ribadavia. Ía en pantalón curto e camisa escura (sen chaleco) correndo pola beiravía esquerda da calzada, en sentido contrario á marcha dos vehículos.