Fin da prisión preventiva para os 14 transportistas da cocaína do MV Karar
Os 14 levan desde 2020 en prisión preventiva e, por lei, non poden seguir entre reixas
Retiróuselles o pasaporte e terán a obriga de presentarse cada 15 días nun xulgado español

Desde as sete desta tarde teñen dereito a abandonar este penal 14 dos acusados polo alixo de case 4 toneladas de cocaína comisado hai 4 anos fronte ás costas galegas.
Son 14 cidadáns do Nepal e de Bangladesh que hai 4 anos tripulaban o MV Karar. O buque foi interceptado con 3.800 quilos de cocaína a bordo o 25 abril de 2020, cando o barco foi abordado por efectivos de Policía Nacional, Vixilancia Aduaneira e a Armada.
Os 14 levan desde entón en prisión preventiva e, por lei, non poden seguir entre reixas. Aos 14 retiróuselles o pasaporte e terán a obriga de presentarse cada 15 días nun xulgado español. A súa saída da cadea prodúcese na mesma semana en que comezou o xuízo por aquel comiso.
Hai 28 imputados, entre eles o presunto líder da trama, o galego Juan Carlos Santórum. Para todos eles, a fiscalía pide penas de entre 13 e 19 anos de cadea.
Precisamente estes días está a celebrarse na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, o xuízo por este transporte de droga e estes tripulantes foron os primeiros en declarar.
Todos eles recoñeceron os feitos e admitiron que, cando o Karar saíu de Panamá, a finais de marzo de 2020, xa sabían que ían recoller un cargamento de cocaína e que o seu destino final era Vigo.