Herminia suma xa 1.600 incidencias en Galicia e 4.000 vivendas seguen sen luz
Na A-55, ao paso por Porriño e en sentido Tui, caeu unha árbore que intorrompía o tráfico nos dous carrís
Permanece activo o plan de control sobre o caudal dos ríos (Inungal)
Os fenómenos meteorolóxicos en terra finalizaron ou reduciron a súa intensidade

As incidencias relacionadas co temporal Herminia chegan a 1.600, segundo o último balance do 112 Galicia. A maior parte estiveron relacionadas coa caída de árbores, cables, postes e desprendementos de terra e pedras. Tamén se desprazaron obxectos á vía pola acción do vento.
En canto ao repartimento por provincias, A Coruña foi a que rexistrou o número máis elevado de incidencias, sumou 612, seguida de Pontevedra con 590, Lugo con 247 e Ourense con 101.
Unhas 3.000 vivendas recuperaron a subministración eléctrica nas últimas horas tras liquidarse os problemas causados polo paso da borrasca Herminia, que mantén 4.000 clientes de Naturgy sen luz.
Segundo os datos facilitados pola empresa enerxética, as incidencias fóronse liquidando ao longo da xornada deste luns, que comezou cuns 13.000 afectados por cortes da subministración.
O número de fogares afectados a última hora da tarde era de 4.000, a maioría na provincia da Coruña, con 3.000 clientes aínda sen luz. En Pontevedra hai 440 afectados, 350 en Ourense e 190 en Lugo.
A empresa afirma que a situación é de "normalización" na rede eléctrica e que os avisos de incidencias de baixa tensión "están moi localizadas" e "afectan as liñas que dan subministración ás casas".
Engade que as brigadas traballan desde o inicio do temporal "na reposición de todas as incidencias de media tensión e agora están tamén revisando os avisos pendentes de baixa tensión".
Se ben os fenómenos meteorolóxicos en terra finalizaron ou reduciron a súa intensidade, seguíronse producíndose incidencias, especialmente na circulación debido á caída de árbores (777), cables (136), postes (72), desprendementos de terra e pedras (50). As intervencións realizadas polos equipos de emerxencias para evitar riscos maiores, que alcanzaron as 234.
Durante a tarde, ningunha destas incidencias resultou ser de consideración, aínda que si houbo dificultades na circulación debido aos obstáculos que se poden atopar na vía. De feito, na A-55, ao paso polo Porriño e en sentido Tui, caeu unha árbore que interrompía o tráfico nos dous carrís. Desde o 112 Galicia, avisouse os axentes da Garda Civil de Tráfico e aos servizos de limpeza e mantemento da vía. Ningunha persoa resultou danada.
Igualmente, cómpre lembrar que permanece activo o plan de control sobre o caudal dos ríos (Inungal), e arestora a vixilancia continúa nestes ríos que superaron os límites.