Este sábado, último día para mercar décimos do sorteo de Nadal
Moitos apuran para facerse con algún billete ou completar os xa comprados
Achegámonos á administración de lotería da Porta Faxeira, en Santiago. Dinnos que desde que saíron á venda os décimos para o sorteo de Nadal, o un de xullo, non houbo un día sen boa clientela. Este sábado, a última xornada para tratar de facerse coa sorte, o goteo de compradores é continuo, con momentos de ringleiras.
"Ao último buscas os últimos décimos, que din que os últimos van ser os primeiros, non? Pois á xente gústalle o último día mercar lotería, si", confirma o titular da administración, José Luis Tojo Núñez.
O último día sempre hai menos entre o que elixir. A media mañá neste despacho practicamente só quedaban billetes terminados en cero, en un e en dous, pero a ilusión dos compradores era a mesma.
"Como din, todos van ao bombo", afirma un cliente.
"A ver se é o da sorte, o último", espera outro.
"Eu coñezo unha persoa que lle tocou facendo así, polo que dixen a ver se me pasa a min", conta unha rapaza.
"Vai saír o un", asegura outra compradora, cun billete desa terminación.
"Faltábame unha terminación e tiña que collela", explica un comprador.
"É para un regalo que me esquecera", declara outro.
"Vimos que había cola, non sabiamos que era e démonos de conta de que mañá é o Gordo", confesa un turista que tamén parou a comprar lotería.
"Vaime tocar coa axuda que me dá o neto, que mira que bonito é", presume unha avoa.