Indignación veciñal en Cariño tras dous meses sen poder consumir auga da traída
Levan oito semanas mercando auga embotellada
Esixen que se tomen as medidas pertinentes canto antes
Malia o que está a chover nas últimas semanas, nas parroquias de Cariño e A Pedra teñen que mercar auga embotellada para beber porque a da billa non é potable.
Levan así dous meses. O problema está no volume de trihalometanos detectados pola Xunta na traída, superior ao que se considera o límite de salubridade.
As autoridades sanitarias advirten de que non se soluciona nin fervendo nin filtrando a auga, e temen que o problema se manteña no tempo aínda varias semanas máis.
E aínda que haxa quen non cumpra as restricións, o certo é que é deficiente para o consumo e os veciños víronse na obriga de mercala ou ir á fonte por ela.
Molestos e indignados, din que dous meses despois aínda descoñecen a causa do problema.
A Televisión de Galicia púxose en contacto co Concello de Cariño para coñecer os últimos datos, pero, polo momento, non achegou información.