Investigado un veciño de Culleredo por danos ao patrimonio no Monte Xalo
Pintadas sobre unhas pedras protexidas e movementos de terra na zona causando danos no terreo forestal

A Garda Civil investiga un veciño de Culleredo como suposto autor dun delito contra o patrimonio cultural ao provocar danos no Monte Xalo.
Os feitos descubríronse por mor dunha denuncia dun representante da Comunidade do Monte Veciñal de Castelo-Monte Xalo, en que afirmaba que unha ou varias persoas realizaran unhas pintadas sobre unhas pedras protexidas denominadas O Castelo, incluídas no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.
Durante a investigación, a Garda Civil recibiu outra denuncia en que se notificaba que un ou varios autores realizaran movementos de terra na zona e colocaran unha pedra xunto ao nacemento dunha fonte, causando danos no terreo forestal.
Os axentes lograron identificar o presunto responsable dos danos, ao cal investigan como presunto autor dun delito contra o patrimonio cultural e doutro de danos.