Investigan catro veciños de Vilalba por tentar roubar un inodoro dun hotel
Foron sorprendidos no acto pola Garda Civil na Pobra de San Xiao

Catro veciños do concello lucense de Vilalba están sendo investigados pola Garda Civil por intentar subtraer un inodoro dun hotel pechado de Pobra de San Xiao o sábado pasado. O grupo foi sorprendido polos axentes no acto.
Os feitos sucederon na madrugada do pasado día 6 de abril no interior dun hotel que actualmente se atopa pechado. Os infractores, con idades comprendidas entre os 22 e 57 anos, foron sorprendidos in situ polos axentes. Nese momento, portaban varias ferramentas que foron, supostamente, utilizadas para tentar levar un sanitario que se atopaba instalado nunha das habitacións.
Segundo a Garda Civil de Lugo, están investigados como supostos autores dun delito de furto en grao de tentativa. O instituto armado detallou que as dilixencias policiais foron remitidas á autoridade xudicial.