Investigan a morte dun can que apareceu aboiando no mar cunha pedra atada ao pescozo
Comprobaron que tiña chip e localizaron os donos, que días antes notificaran a desaparición do animal
Manuel estaba no porto do Grove cando viron o corpo do can na auga, preto do peirao.
"Vimos un can que viña e non se lle vía a cabeza, só a parte de atrás. Sacárono e puxérono na escada. Despois viñeron os municipais e miraron se tiña chip".
Comprobaron que tiña chip e localizaron os donos, que días antes notificaran a desaparición do animal. Polo estado do seu corpo, o can debía de levar tempo no mar, onde morreu afogado.
"Tiña unha pedra atada ao pescozo bastante grande. Pobre animal! Estaba moi inchado, ao mellor levaba no mar moito tempo".
Manuel aínda está impresionado pola crueldade deste caso, unha sensación que comparten moitos cidadáns.
"Algo terrible. Non merece perdón de Deus o que o fixo. Son cousas que non deberían pasar".
Tras a aprobación da Lei de Benestar Animal, o culpable dun caso coma este, de matar un can, podería enfrontarse a unha pena de dous anos de cárcere.