Investigan un veciño de Carballedo por intentar atropelar catro persoas cun tractor
As dilixencias policiais foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Chantada
A Garda Civil investiga un veciño de 45 anos de Carballedo como presunto autor dun delito de atropelo a varias persoas con maquinaria agrícola, concretamente cun tractor.
Segundo as persoas denunciantes, que son unha parella, o seu fillo e outro parente, o suposto agresor tratou de levalos por diante co seu tractor.
Os feitos que están a ser investigados tiveron lugar na aldea de Alence, na parroquia de Santa María de Carballedo. Ao parecer, uns e outros arrastraban desavinzas polo uso das terras nesta contorna.
Unha vez foi imputado, o tractorista denunciou á súa vez as supostas vítimas do intento de atropelo, por ameazas e por intento de agresión. Segundo asegurou, as outras catro persoas implicadas, todas veciñas da Barrela, intimidárono e trataron de agredilo armados cuns paus.
A consecuencia da súa denuncia sobre o acontecido no lugar de Alence, os axentes abriron unha nova investigación. As dilixencias policiais sobre o caso foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Chantada.
Impútanselle delitos de ameazas, lesións e intento de atropelo a catro persoas cun tractor. Os feitos delituosos tiveron lugar nunha parcela agrícola situada no termo municipal de Carballedo, cando supostamente tras unha discusión, a persoa investigada agride e intenta atropelar as súas vítimas.
As dilixencias policiais foron remitidas ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Chantada.