Jesús Domínguez: "Todo iso ten unhas responsabilidades políticas e as vítimas somos incómodas"
"Están sendo días moi duros, pero tamén forma parte da participación activa das vítimas e por iso estamos declarando", di o presidente da Plataforma de Vítimas do Alvia, tras as primeiras declaracións na fase civil do xuízo
As vítimas do accidente do Alvia en Angrois séntense como un estorbo ante as institucións. "Somos incómodas", asegura Jesús Domínguez, presidente da plataforma que agrupa as vítimas do sinistro, nunha entrevista no Bos días logo de que esta semana comezara a fase civil do xuízo do Alvia.
"Evidentemente están sendo días moi duros", di Domínguez logo de escoitar as primeiras declaracións dalgunha das vítimas na vista oral. "E non só para quen vai declarar. Ao final vólvete remover todo case dez anos despois e a verdade é que está sendo un momento duro, pero tamén forma parte da participación activa das vítimas e por iso estamos declarando", asegura.
"Xera moita dor saber que era evitable"
Respecto á causa penal cre que "quedou clara unha cousa: que había un risco na curva de Angrois que non se analizou por parte do Adif. E non o dicimos nós, díxoo o perito que saíu por sorteo e que coincidiu tamén co exdirector de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea".
"Quedou claro que non se fixo unha análise de riscos nin cando se eliminou o sistema de seguridade do proxecto orixinal, nin cando se desconectou o sistema de seguridade ERTMS polos atrasos que xeraba e que quedou claro que sería un aviso ao maquinista e iso incrementou o risco", explica Jesús Domínguez.
Cre que todo isto "non supón unha sorpresa para os que estabamos moi metidos no tema. Sabiámolo, pero xera moita dor saber que era evitable".
"Sinalouno tanto César Mariñas, ese perito xudicial que saíu por sorteo, como o señor Christopher Carr. Era moi fácil: podíase entrar pola outra vía e xa non ocorrería o accidente, podería poñerse unha baliza, podería poñerse unha sinalización, que aínda que non o garantiría, probablemente podería sacar do despiste ao maquinista, podería programarse o ERTMS en lugar de desconectalo...", di o presidente da Plataforma de Vítimas do Alvia. "É dicir, había solucións", insiste.
"Grazas á nosa loita foi saíndo a verdade, pero tamén nos fomos sentindo abandonados"
"E o máis terrible de todo é saber que quen está imputado, o exdirector de seguridade do Adif, o señor Cortabitarte, foi o perito do metro de Valencia, e el nunhas declaracións que fixo nas Cortes Valencianas dixo que o labor do perito é saber as causas dun accidente e logo poñer as medidas para que isto non volva suceder. Logo este señor foi o perito do metro de Valencia no que morreron 47 persoas. O mesmo ían a 80 km/h, menos velocidade, nunha curva de 40, non tiña a baliza e houbo eses 47 mortos".
"O máis duro é saber que era evitable, que pasaron dez anos, e creo incluso grazas á nosa loita foi saíndo a verdade, pero tamén nos fomos sentindo abandonados por diferentes institucións", asegura Jesús Domínguez.
"Despois destas sesións quedaron claras todas as neglixencias por parte do Adif"
Desde a plataforma que preside analizan a posibilidade de cambiar o escrito de acusación logo de escoitar todos eses testemuños durante a fase penal. "Falámolo na última asemblea. De todas as persoas que estabamos alí diciamos que había unha maior responsabilidade no Adif, porque evidentemente ten un equipo de enxeñeiros, ten moito máis tempo, e houbo un cambio de proxecto no que se tiñan que ter analizado os riscos, logo unha desconexión... Evidentemente tivo moitas oportunidades de arranxar o desaguisado que había en Angrois. Entendemos que hai moita máis responsabilidade no Adif e así llo transmitimos aos avogados e son eles os que evidentemente cos seus criterios os que teñen que valorar e cambiar o escrito de acusación porque despois de todas estas sesións quedaron claras todas as neglixencias por parte do Adif".
"O maquinista cometeu un erro, pero hai moita máis responsabilidade por parte do Adif"
"O maquinista nin sequera tiña un sinal de limitación de velocidade na vía. Tecnicamente non saltou ningunha norma. Tiña o semáforo en verde. O que tiña era un papel co libro horario no que o cadro de velocidades máximas", explica Jesús Domínguez. "Ía a 200 km/h e evidentemente cometeu un erro e iso nunca o negamos. Pero hai moita máis responsabilidade por parte do Adif".
"Ao longo deste proceso, que é unha das cousas que máis molestou ás vítimas e familiares, foi a actitude da Avogacía do Estado, que no seu día dicía que cumprían co regulamento de seguridade 352, presentaban escritos, cando viron que iso se lle volvía en contra polas declaracións da Axencia Europea, agora din que non se cumpría. Entregaron papeis que non se correspondían. A verdade é que a Avogacía do Estado debería defender a lei e a normativa e que as cousas estivesen ben feitas. E a verdade é que lamentablemente o que fai é defender os intereses do Adif e curiosamente non defende a Renfe, que algún día o terá que explicar", di o presidente da plataforma.
"Que se nos esqueza e que non se asuma o que ocorreu aí, di pouco das nosas institucións"
Jesús Domínguez cre que o caso do sinistro do Alvia non conclúe coa celebración deste xuízo. "Nós cremos que nun país avanzado, nun país democrático, hai tres tipos de responsabilidades: as penais, que as terá que establecer a xuíza; están as responsabilidades técnicas, que por iso pedimos esa comisión de investigación técnica que pide Europa, porque a que fixo o Goberno non era válida; e logo tamén as responsabilidades políticas, porque aquí houbo un cambio de proxecto, suprimiuse o sistema de seguridade, houbo présas e todo iso ten unha serie de responsabilidades políticas e as vítimas somos incómodas", asegura.
"A min agora que todo o mundo se acorda gustaríame dicir unha cousa: hai uns meses todo o mundo recordará que se inaugurou unha vez máis que chegou a alta velocidade a Galicia, á que asistiu o presidente do Goberno, o rei, a ministra, e houbo un esquecemento, non se falou de nós. Somos algo incómodos. Hai unha exposición en Chamartín sobre a liña de alta velocidade Madrid-Galicia e varias vítimas e familiares escribiron para amosar o seu desgusto porque non hai ningunha referencia ás vítimas. Que se nos esqueza e que non se asuma o que ocorreu aí, di pouco das nosas institucións", conclúe Jesús Domínguez.