Liorta a botellazos e golpes entre radicais da Ponferradina e o Lugo en Campo Castelo
Interviñeron os antidisturbios e remataron coa lea entre uns 30 seareiros, sen detidos nin feridos
Os axentes requisáronlles bengalas e artefactos pirotécnicos a algúns dos que chegaron a Lugo

Axentes da unidade antidisturbios da Policía Nacional de Lugo interviñeron contra as doce do mediodía deste domingo, tras rexistrarse un enfrontamento entre radicais do Lugo e da Ponferradina, na zona do Campo Castelo.
Varios dos seguidores dos dous equipos enleáronse nunha liorta despois de provocacións e insultos entre os grupos, algúns deles da Fronte Norte, radicais da Ponferradina que deron cos radicais do Lugo.
Os axentes identificaron varios dos participantes na pendencia, pero non houbo detencións e non houbo que lamentar incidentes máis graves.
No enfrontamento participaron unhas 30 persoas. A policía requisoulles bengalas e outros artefactos pirotécnicos a seareiros da Ponferradina. Non se precisou a asistencia sanitaria durante a pelexa.
Os dous equipos disputan esta tarde de domingo o xa denominado derbi dos Ancares, no que supón para o Lugo o último tren para a permanencia na Segunda División, xa que ocupa o último lugar da clasificación nestes momentos. O seu rival tamén está en posicións de descenso.
