Logran calcular a traxectoria dun asteroide a partir do primeiro meteorito rexistrado en Galicia
O astro, cuxo fragmento foi atopado no concello lugués de Baralla, provocou unha enorme bóla de lume visible na madrugada do 18 de xaneiro de 2021

Varios equipos de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro Superior de Investigacións Científicas lograron calcular a traxectoria, o tamaño e a masa dun asteroide a partir dun meteorito de pouco máis de medio quilo, o primeiro rexistrado en Galicia.
Así, as pescudas lograron concluír que aquela enorme bóla de lume que na madrugada do 18 de xaneiro de 2021 cruzou durante case cinco segundos e iluminou o ceo do noroeste da penísula ibérica, era un asteroide de 1,15 metros de tamaño e 2,62 toneladas de masa, e que bateu contra a atmosfera a unha velocidade de 15 quilómetros por segundo.
O proceso e as conclusións serán publicadas nunha das revistas de astronomía máis prestixiosas do mundo. A publicación recolle os cálculos realizados polo astrónomo Manuel Andrade Baliño, que empregou novos métodos e modelos matemáticos.
Para facer o cálculo, empregáronse medidas obtidas coas cámaras de detección de bólidos e meteoros que a USC ten no Observatorio Astronómico Ramón María Aller, en Santiago de Compostela, e na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. Con todo, tamén foron cruciais as gravacións de particulares en diferentes lugares de Galicia e Castela e León.
Os cálculos realizados pola Escola de Enxeñería o mesmo día do avistamento xa indicaban que era "moi probable" que algún fragmento do asteroide sobrevivira preto do lugar de Lebruxo, no municipio lucense de Baralla. A continuación, organizouse un equipo formado polo profesorado do Departamento de Matemática Aplicada do Campus de Lugo. Finalmente foi un veciño de Lebruxo quen, dous meses despois, atopaba en Traspena o meteorito de 527 gramos.