López Campos aposta por un "grande acordo" pola lingua
Pediu un clima de diálogo entre todas as forzas políticas
Mantivo unha reunión co presidente da Real Academia Galega para abordar a situación do galego
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude insiste na necesidade dun grande acordo para a recuperación da lingua galega. José López recoñeceu que a situación actual obriga a reformular a estratexia en materia lingüística, e por iso pediu un clima de diálogo entre todas as forzas políticas para recuperar un galego forte. Esta mañá, mantivo un encontro co presidente da Real Academia Galega, quen destacou a necesidade de atopar un espazo de encontro e eliminar o decreto do plurilingüismo.
"A nós o que nos preocupa moito, e que obriga a unha reflexión, é que rapaces e rapazas que son galegofalantes na casa, cando chegan á escola e volven da escola, volven falando castelán. Algo pasa", destacou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apuntou: "Debemos repensar a estratexia en materia lingüística. É importante que o clima (político) permita sentarnos nunha mesa falar, dialogar e chegar a acordos. Esa é a necesidade e o obxectivo que nos temos que marcar".