Máis de 1.800 migrantes chegan esta semana ás illas Canarias en varios caiucos
Nas últimas horas foron localizadas varias embarcacións preto de Gran Canaria, O Hierro e da Gomera
O drama migratorio nas costas canarias vólvenos deixar imaxes coma estas. Un novo caiuco chegaba este sábado a El Hierro con 174 migrantes, entre eles 12 mulleres e catro menores.
A Garda Civil informaba o centro de Salvamento Marítimo en Tenerife dun sinal de radar cunha posible embarcación a unhas seis millas do porto de La Restinga, no Hierro. Tras a súa chegada a porto foron atendidos pola Cruz Vermella. A maioría eran persoas de orixe subsahariana. Nese caiuco viaxaban tamén 51 migrantes de orixe paquistaní e siria. Unha das mulleres estaba embarazada e daba a luz no hospital.
"Foi unha nena dunha moza de 26 anos que sae de Gambia con 8 meses de embarazo e meteuse nun caiuco para intentar salvar esa vida, con estraños, sen coñecer a ninguén e chega aquí a dar a luz soa, deixando alí un neno de seis anos tamén", dixo Jéssica Acosta, Xerente dos Servizos Sanitarios do Hierro.
Noutro aviso da Garda Civil, unha das embarcacións foi localizada a unhas 9 millas ao sur de Gran Canaria, con 75 persoas de orixe subsahariana a bordo. Salvamento Marítimo escoltou o caiuco ata o porto de Arguineguín. Ningún dos ocupantes precisou asistencia hospitalaria.
Nas últimas horas tamén chegaba á Gomera unhas 140 persoas. Tras seren rescatadas, foron atendidas pola Cruz Vermella e o Servizo de Urxencias Canario. Todos estaban en aparente bo estado de saúde.
Con estes novos caiucos son xa máis de 1.800 os migrantes chegados esta semana ás illas Canarias.
