Malestar entre os feirantes pola suba do custo da instalación nas festas de Boiro
Algúns decidiron subir o prezo das atraccións para facerlle fronte ao aumento dos custos
No Concello din que subiron os prezos porque levaban tempo conxelados e que agora se igualan aos doutras localidades
Os feirantes comparten o seu malestar pola suba do prezo da instalación nas festas de verán de Boiro.
"O ano pasado os prezos estaban bastante arranxados. Este ano, sen máis nin máis, a uns subíronlles e outros baixáronlles. Iso non o vemos ben. Tiven unha reunión co tenente alcalde para arranxar este tema noso", conta Ángel Petrovich, feirante.
Agardan poder chegar a un acordo para que reduzan os custos porque nalgún caso, segundo advirten, o prezo pola instalación aumentou ata un 66 %. Ante isto, algúns decidiron repercutir esta suba no cliente. Ademais, quéixanse do sistema de adxudicación de sitio a través dunha poxa.
"Levo aquí anos e por culpa dun euro nesa poxa, quitáronme o sitio. Tiven apoio dos meus compañeiros e recuperei o sitio, pero iso da poxa non o vexo ben", di Cassandra, outra feirante.
E tamén hai malestar polas condicións do lugar onde teñen que deixar as súas caravanas.
"Un punto de luz para todas as caravanas aí, a 300 metros. Temos que mirar polo noso, que nós pagamos tamén", engade Ángel.
No Concello din que subiron os prezos porque levaban tempo conxelados e que agora se igualan aos doutras localidades veciñas.