Veciños do centro de Ourense protestan contra a reapertura dunha discoteca
A discoteca pechárona en 2019 tras unhas presuntas obras sen licenza
Segundo denuncian os veciños, o Concello de Ourense non tramitou en catro anos o expediente de caducidade de licenza o que podería permitir que abrira coa normativa de 1982
Preto dun cento de veciños da cidade de Ourense van emprender accións legais para que non reabra unha céntrica discoteca que, segundo din, provocaba unha chea de ruídos e molestias.
Aseguran que pretende abrir coa mesma licenza que tiña nos anos 80, sen estar insonorizada nin coas medidas de seguridade que establece a actual normativa.
Na céntrica rúa Valle Inclán da cidade de Ourense están moi preocupados pola posible reapertura desta discoteca que lles deu moitos quebracabezas; ruídos, destrozos e imposibilidade de durmir polo alto volume da música e a falta de insonorización.
A discoteca pechou no ano 2019 porque fixeran obras presuntamente sen autorización que afectaban á seguridade do local e segundo denuncian os veciños, o Concello de Ourense non resolveu en catro anos o expediente de caducidade de licenza, o que podería posibilitar que os actuais propietarios abran nas mesmas condicións que en 1982.
Os veciños din que farán todo o posible para que non reabra a discoteca. Segundo o avogado que contrataron as comunidades de veciños afectadas, Antonio Feijóo Miranda, é inadmisible que a discoteca abra.
Coas condicións de seguridade, de accesibilidade, de proteción de contaminación acústica do ano 1982, alguén se pode imaxinar isto nunha discoteca? Que se poida reabrir un negocio coas condicións que eran as vixentes no ano 1982?