Malestar no barrio compostelán de San Pedro tras once días sen servizo telefónico
Os clientes quéixanse de que a operadora non soluciona un problema que prexudica particulares e comerciantes
A falta de servizo de telefonía fixa e o deficiente servizo de datos están a marcar a vida de residentes e comerciantes desta rúa compostelá conectados a Movistar. Se a iso engadimos que a cobertura de móbil no barrio de San Pedro e por si mesma complicada, é comprensible o malestar dos clientes do grupo Telefónica, cando vai para dúas semanas de anomalía no servizo. Luci e demais prexudicadas, como Susana, amosan moito descontento co trato da operadora:
"Din que é unha avaría externa. Algo evidente, se afecta toda a rúa. E engaden que intentan solucionalo o antes posible", sinala Susana, mentres Luci conta que leva "todos os días chamando ao 1002 e 1004, dinme que vai vir un técnico. Á hora que me indican estou na casa e non aparece ninguén".
Mesmo teñen aberta unha recollida de sinaturas de persoas prexudicadas, como lembra Ana, a farmacéutica. Kuma ten un restaurante e suma perdas polo fallo de telefónica.
"Perdín mil euros. É no meu negocio tiven que conectar o TPV co meu móbil, porque non hai Internet. Non hai teléfono", di Kuma.
"Cada día vén máis xente dicindo que non ten servizo de teléfono e claro, quen está en teletraballo, ou ten que estudar ou a xente maior... precisan o servizo. Eu tamén estou sen teléfono fixo, co que teño que saír á rúa para facer os pedidos co móbil", explica Ana Celia.
Encarna conta que mercou un datáfono conectable ao móbil para poder cobrar con tarxeta, pero que ante a mala cobertura que ten na tenda ten que saír á rúa para facer a operación. Quéixase de que por máis que reclama a Movistar, só obtén boas palabras, mentres os días pasan e seguen sen servizo de datos e de telefonía fixa.