Morre aos 91 anos Xesús Mato, sacerdote fundador de Fuxan os Ventos
Tras lograr co grupo Folk 72 en 1972 o primeiro premio do Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os ventos, a formación tomaría o nome da canción
A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre este mércores, ás 17:00 horas, ata a Igrexa de San Nicolás, en Portomarín

O mundo da cultura chora a morte do sacerdote fundador de Fuxan os Ventos, Xesús Mato, que faleceu esta madrugada en Lugo aos 91 anos de idade. Tras lograr co grupo Folk 72 en 1972 o primeiro premio do Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os ventos, a formación tomaría o nome da canción e, a partir de aí, converteríase nunha referencia da cultura galega das seguintes décadas.
Lucense do Ano, galardoado cos premios María Castaña e Moncho Valcárce, fillo predilecto de Paradela, foi tamén sacerdote na montaña lucense e en Lalín, onde creou a coral polifónica e abriu unha emisora de radio, entre outras cousas.
En 2018, Xesús Mato recibiu a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de 2.500 persoas e institucións. Tamén contribuíu á creación de Auxilia Lugo, entidade de voluntariado preocupada pola integración de enfermos crónicos e persoas con discapacidade intelectual.
Loito na música galega
Xosé Luís Rivas 'Mini', compoñente de Fuxan os Ventos ata a fundación da Quenlla, manifestaba este martes o seu pesar polo falecemento de Xesús Mato: "Hoxe a música galega está de loito. A de onte, a de hoxe e a de mañá. E xunto a ela eu camiñarei pola vida con máis soidade".
A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre este mércores, ás 17:00 horas, ata a Igrexa de San Nicolás, en Portomarín. Á chegada celebrarase o funeral e, continuación, a condución ao cemiterio municipal para ser enterrado no panteón familiar.