Morre nun atentado con bomba en San Petersburgo un blogueiro militar prorruso
Hai 32 persoas feridas, 10 están graves, e entre os feridos hai unha adolescente de 14 anos
Todo indica que unha muller levou o explosivo ata o local onde Vladen Tatarski realizaba un coloquio con público

O blogueiro prorruso Vladlen Tatarski, coñecido pola súa especialización en temas militares, morreu este domingo nunha explosión ocorrida nunha cafetería de San Petersburgo. Outras 32 persoas resultaron feridas.
O Ministerio do Interior ruso confirmou a morte de Tataski tras un estoupido ocorrido nunha cafetería do paseo da Universidade de San Petersburgo.
O ataque, que lembra a explosión que matou en agosto a Daria Dugina, a filla do filósofo ultranacionalista Alexánder Duguin, tivo lugar durante un coloquio do falecido sobre a invasión de Ucraína.
As forzas de seguridade rusas sospeitan que o artefacto explosivo estaba agochado nunha figura que foi entregada a Tatarski xusto antes da súa morte.
Medios rusos publicaron que unha muller levou a bomba ata o lugar onde se atopaba Tatarski, que celebraba un encontro con público.
Ata o lugar desprazáronse axentes rusos que investigan o ocorrido. Nas redes sociais difundíronse vídeos que amosan varias persoas diante da fachada do café restaurante que amosa importantes danos materiais.
Os medios ucraínos definen a Tatarski como un "propagandista de alto nivel". O xornal local Fontanka asegura que a cafetería pertenceu no seu día ao empresario da restauración e xefe do grupo Wagner, Yevgueni Prigozhin.
Tatarski era un blogueiro e un dos correspondentes militares máis famosos que gañou fama durante a campaña militar rusa en Ucraína.
Naceu na rexión ucraína de Donetsk e loitou en 2014 na autoproclamada república popular. Tiña máis de 560.000 subscritores na súa canle de Telegram.
