Múltiples opcións en Lugo para caracterizarse no Arde Lucus como na época galaicorromana
Moitos dos talleres da cidade teñen a axenda completa e xa non atenden máis encargas
Neste taller de Lugo, localizado na Mosqueira, non dan abasto a atender encargas para o Arde Lucus. A dúas semanas do inicio da festa, a clientela quere dispoñer a tempo da indumentaria á medida que a caracterizará como invasora romana ou como nativa galaica.
Verónica Vázquez, costureira: "Estamos a tope de traballo. No taller, a axenda xa está completa para este Arde Lucus. Estamos facendo sobre todo encargas para as familias dos coles, das ANPAS. E a estas alturas, xa a tope".
Tanto lugueses como visitantes contan xa cos dedos das mans os días que faltan para a gran festa en que esta cidade bimilenaria regresará aos tempos da súa fundación. E para volver á época galaicorromana, todo detalle é pouco á hora de vestir coma na antiga Lucus Augusti.
Noutro negocio, situado na rúa San Pedro, ofrecen vestimentas de todas as medidas e para todos os petos. Coma nesta tenda, en moitas outras da cidade tanto venden traxes e vestidos para todas as idades como accesorios e complementos de todo tipo.
Yeni Díaz, dependenta dunha tenda especializada: "Estamos cos talleres seguido funcionando, porque somos moi pouquiños. E saen un montón de cousas novas cada día e todo tipo de complementos".
O Arde Lucus, que cada ano congrega máis de medio millón de persoas, celebrarase entre os días 13 e 16 de xuño.