Na Coruña está a brigada de Policía Científica de referencia no noroeste peninsular
Incorpora unha das cinco unidades de ADN que hai en España
O labor dos axentes especialistas nas técnicas de investigación criminal é fundamental para esclarecer delictos
Nas unidades da Policía Científica do CNP na Coruña traballan axentes especialistas nas técnicas máis sofisticadas de investigación criminal. O seu labor é fundamental á hora de esclarecer delitos.
Os responsables da inspección ocular chegan co seu maletín ao lugar dos feitos. Recollen todo tipo de mostras que poidan constituír unha proba para esclarecer o delito.
O traballo organízase cada mañá desde a comisaría. A unidade especializada no uso de técnicas forenses para a recollida de vestixios traballa man a man coa Policía Xudicial.
"A protección do lugar antes de que nós cheguemos tamén é fundamental. É dicir, este é un traballo conxunto que empeza polo zeta que está na rúa e que se non protexe ben o lugar dos feitos pódense estragar probas e pode que perdamos información esencial para esclarecer os casos", explica o inspector Gabriel Espiñeira.
Con técnicas homologadas e válidas para a policía de toda a Unión Europea, os axentes da Científica van revelando no lugar dos feitos as pegadas do crime.
No caso das dactilares e as palmares, as mostras son analizadas despois no ABIS, como denominan o grupo especializado na identificación biométrica.
"Temos que darnos conta de que o primeiro SAID, sistema automático de identificación que se mete en España e no ano 1986. E ata ese ano as pegadas mirábase con lupa e un flexo", reata Jesús Otero, inspector xefe do grupo de identificación ABIS
A tecnoloxía de investigación criminal vaise sofisticando ao tempo que o crime se globaliza. Recoñecemento facial, documentalística, informática forense e ata análise de ADN fóronse incorporando aos sumarios grazas a estes axentes especializados.
"Os vestixios que nos mandan os grupos de inspeccións oculares de Galicia, Asturias e Cantabria son recepcionados, e aquí vemos se interesa busca de esperma, se é unha agresión sexual, ou sangue...", di María Eiroa, a inspectora xefa de Grupo de laboratorio territorial de ADN da Coruña.
Un traballo minucioso e moi protocolizado en que os axentes da Coruña son referente para o noroeste peninsular.