Nace en Galicia unha app para impulsar os 5.000 municipios da 'España baleirada'
A aplicación bota a andar en San Xoán de Río, un dos concellos máis avellentados de Europa
Río tiña 2.700 habitantes a comezos dos anos 80 e hoxe quédanlle pouco máis de 500. A metade teñen máis de 65 anos. Moitos lugares do municipio están case en perigo de extinción e quedan só 8 habitantes por cada quilómetro cadrado.
Este concello da comarca de Trives chamou a atención da prensa internacional por gañar poboación en plena pandemia. Comezou o ano nas páxinas do Wall Street Journal e remata este 2022 como epicentro dunha inicitiva para devolverlle vida á 'España baleira': a máis de 200 concellos galegos, e máis de 5.000 en España.
A aplicación, Aldealista, busca habitantes para eses lugares que esmorecen. O seu nome pode lembrar un pouco un portal inmobilario, pero os seus creadores, naturais de Castiñeiro, en San Xoán de Río, concíbena máis como un TINDER, que en lugar que servir para buscar parella debería servir para namorarse dun lugar.
"Temos patrimonio, cultura, tradicións e o que temos que facer é un escaparate, que sexan as nosas aldeas sexan visibles. Nunha tormenta de ideas vimos que isto funcionaría como unha aplicación de citas", explica Juan Carlos Pérez, socio fundador e CEO de Aldealista.
Entre likes e descartes, os algoritmos de Aldealista buscan unha aldea compatible cos nosos gustos paisaxísticos e gastronómicos, ou os nosos intereses culturais.
Uns meses antes do nacemento deste proxecto, Río recibía o primeiro coche eléctrico para compartir dun municipio rural. No concello levan tempo convencidos de que a clave para loitar contra o despoboamento é a tecnoloxía. Agora presentan un proxecto para a sensorización dos fogares dos maiores que viven sós.
"O que buscamos é detectar comportamentos atípicos nas súas rutinas diarias para previr posibles contratempos que lle poidan xurdir no seu día a día", di José Manuel Martínez Pérez, enxeñeiro técnico de Telecomunicacións.
"A xente maior di, para que quero Internet? Pero dentro de dez anos ese debate non vai existir e desta volta queremos ser os primeiros. En moitos lugares protestan porque sen Internet os netos xa non lle queren vir a fin de semana, e entón decátanse de que estamos facendo as cousas ben", expón José Miguel 'Chemi' Pérez, alcalde de San Xoán de Río.
Favorecer o retorno dos emigrantes para unha xubilación longa e activa é o primeiro chanzo que queren andar en moitas áreas despoboadas da Galicia oriental onde o denominado reto demográfico é a derradeira oportunidade da resistencia.