Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acusado do crime de Velle di que non recorda nada

O acusado do crime de Velle di que non recorda nada

No primeiro día do xuízo na Audiencia Provincial contestou só ás preguntas da súa avogada, que pide a súa absolución

A Fiscalía pide 24 anos de prisión por un delito de asasinato e outro intentado

As acusacións particulares solicitan por primeira vez en Ourense a prisión permanente revisable

G24.gal 18/11/2024 14:01

O que se dirime neste xuízo é o estado mental do acusado: se o 19 de febreiro do 2021 sabía o que facía e era consciente ou non da gravidade das súas accións. Ten diagnosticada unha esquizofrenia paranoide e no momento do crime levaba 9 meses sen tomar a medicación.

Para a representante do Ministerio Fiscal, premeditou e planificou o que ía facer. A defensa, pola contra, di que que a súa enfermidade o mantiña fóra da realidade e non era quen de controlarse. Esta será a maior complexidade para o xurado popular á hora de deliberar.

E é que os feitos están claros. O supervivente narrounos. Preto das cinco da mañá, cun coitelo na man, o acusado presentouse sorpresivamente na casa dos seus veciños en Velle e, tras dicir "vouvos matar", asestoulle 3 coiteladas ao seu curmán e 17 á parella deste, que faleceu no acto, tiña 22 anos.

O presunto agresor, que lle dixera a súa nai, coa que vivía, que ía matar uns coellos, volveu á casa dando aos dous por mortos, pero o mozo, gravemente ferido, conseguiu chegar a rastro ata o teléfono para chamar a seu pai. Deixou escrito con sangue o nome do atacante por se cando se presentasen os servizos de emerxencia falecera. Pasou dous meses hospitalizado, entre a vida e a morte, e sofre secuelas.

O acusado, que leva dende o crime en prisión, só quixo responder ás preguntas da súa avogada; dixo que non recorda nada e que tiña daquela moito medo. Na súa vivenda deron con pezas ensanguentadas. O coitelo atopárono os axentes da Policía Nacional esa mesma madrugada na parcela lindeira á casa das vítimas.

A Fiscalía pide 24 anos de prisión por dun delito de asasinato e outro intentado. A defensa pide a libre absolución.

As acusacións particulares, unha por cada familia das vítimas, pide para el a prisión permanente revisable por primeira vez en Ourense. O xuízo continúa na Audiencia Provincial ata o xoves. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade