Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Concello de Santiago recadaría case tres millóns de euros ao ano coa taxa turística

O Concello de Santiago recadaría case tres millóns de euros ao ano coa taxa turística

Propón gravar entre 0,5 e 2,5 euros a pernoita, en función da categoría do aloxamento

O Concello presentoulles aos hostaleiros o informe técnico realizado pola USC

G24.gal 26/04/2023 14:45 Última actualización 26/04/2023 15:31

Estímase que cada ano pernoitan en Compostela arredor dun millón e medio de turistas. O Concello abandeira o movemento para gravar esas estancias coa chamada taxa turística. Estiman que poderían recadar preto dos tres millóns de euros ao ano con ela. 

Unha recadación que -explica o alcalde, Sánchez Bugallo- non se destinaría a gastos ordinarios, senón a impulsar determinadas actuacións "fundamentais para o propio turismo", como a "rehabilitación e conservación do patrimonio".

O Concello encargou o estudo técnico sobre o imposto á Universidade de Santiago, que propón a creación dun imposto autonómico e voluntario para os concellos que queiran cobralo. Sería unha taxa limitada ao máximo de seis noites, e cunha contía variable segundo a categoría do aloxamento.

"Entre 2,5 e 0,5 euros", di o director do estudo, o catedrático de Dereito Financeiro César García Novoa. "Dous euros e medio pagarían os aloxamentos de gran luxo, e 50 céntimos por noite os máis básicos", explica. 

Os detalles do estudo debatéronse coas asociacións de hostalaría da cidade. De primeiras non se opoñen, pero van facer achegas á proposta.

"Non ten sentido renunciar á capacidade recadatoria que pode ter este imposto", di Lois Lopes, de Hostalaria.gal. "O que queremos é participar do modelo", engade.

Thor Rodríguez, da Asociación Hostalaría Compostela, cre que aínda "faltan moitas cousas". Di que falta o "para que" se vai usar esa taxa e "como imos aplicala".

A previsión do Concello é poder presentar a proposta definitiva na Xunta antes do verán. Calculan que entre o debate parlamentario para sacar adiante a norma e as ordenanzas municipais para regulala, a taxa turística podería comezar a aplicarse en 2025.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade